OS NOVOS XOGOS POPULARES GALEGOS

Definitivamente, a nosa vella cultura popular esmorece… Mentres moitos colectivos andan procurando a recuperación dos nosos ancestrais xogos populares, xorden novas formas de divertimento: o lanzamento de telemoveis, celulares ou «móbiles», sustituindo ao xogo da rá ou a chave. Claro que neste caso, a competición tiña como fin recadar cartos para a festa de Oseira, vendendo os aparellos.

A VACA FELISA "DEPOÑENDO"

Menos tecnolóxico foi o sorteo de 1.000 euros en Vilar (Crecente) polo sistema de «a caca da vaca». Por tres euros escollíase o número dunha das 1008 cuadrículas nas que estaba dividido o terreiro da festa. Ás 18 horas soltouse a Felisa e onde depositase a bosta sinalaba a cuadrícula do gañador/a. O caso foi que a vaca, que só se demorou dous minutos (que lle darían de comer?), pensando que era unha diana, fixo a deposición no mesmo centro do eixo de catro cuadrículas co que o «premio» (os cartos, non a bosta) tivo que ser repartido.

Xa lonxe destes pagos, na Rioxa, tamén tivo lugar unha curiosa carreira de caracois, cadanseu arrastrando unha lata de pementos de 350 gramos.  Así levan desde hai 25 anos: Promocionando os pementos da terra… Que non só vai ser todo viño! Mais isto das carreiras (hai quen lle chama «ralis») está moi extendido por Navarra, Cantabria, País Vasco… e Europa, existindo incluso unha federación, a FECC: Federación Europea de Competicións de Caracois. Ver para crer!

Esta entrada fue publicada en Pais. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario